|
ROTEIRO
POLA COSTA DA VELA ORGANIZADO POR ADEGA
O Foro Social
de Cangas vos informa do roteiro organizado por ADEGA, asociación
para a defensa ecolóxica de Galiza, que o domingo 18 sobre
as once da mañán comezará en Donón, e
vos invita a participar nel.
Percorrerá
o Facho, Cabo Home, Punta Subrido e os dunares de Nerga, Viñó
e Barra. As seis e media da
tarde se achegarán ate O Salgueirón para coñecer
de primeira man a problemática do proxecto de porto
deportivo, participar nun acto de solidariedade cos veciños
que están a impedir a realización do brutal proxecto
e realizar unha rolda de prensa as sete baixo a torre de Massó.
Dende o Foro
Social queremos aproveitar a oportunidade para reivindicar a
ampliación do L.I.C (ligar de interese comunitario) Costa
da Vela, pertencente á Rede Natura 2000 ate abarcar todo o
espazo natural que aparece co nome de Cabo Home 6b nas Normas
Subsidiarias Provinciais do ano 1990 da Consellería de
Política Territorial, e que acaba nos terreos da antiga
baleeira e inclúe Punta Balea, a punta de onde arrancaría
o espigón do pretendido porto deportivo.
Tamén
denunciar o abandono no que se atopan as diferentes areas do
concello pertencentes a Rede Natura, sufrindo incluso ataques como
o desbroce salvaxe e inxustificado que que se está a levar
a cabo estes días entre as praias de Menduiña e
Lagoelas, pertencente ao L.I.C Cabo de Udra.
Pensamos que o
coidado do medio ambiente é unha actividade que repercute
directamente na calidade de vida dos habitantes de Cangas e mantén
e potencia un dos seus atractivos principais cara ao exterior.
Gustaríanos
que se traballase en aumentar a conciencia ecolóxica
colectiva, para conseguir entre todos un medio ambiente mais
natural, limpo e productivo. Que non se esquecera a importancia e
o peso real do sector primario, se tuvera en conta a importancia
crecente da alimentación calificada como ecolóxica,
e que se sometera ó urbanismo a un control rigoroso no que
o ben común prevalecera sobre os intereses particulares.
Solicitamos que as denuncias de irregularidades no litoral non
queden só en meras palabras e as administracións
actúen preservando a legalidade e o patrimonio colectivo.
Tamén
vos recordamos a importancia de participar na manifestación
de mañán sábado as 21 horas en Nigrán
por un urbanismo non depredador. Cangas a 16 de Xuño
de 2006 FORO SOCIAL DE CANGAS
MARCHA
EN DEFENSA DA COSTA DA VELA ORGANIZADA POR ADEGA
Dentro da campaña en
defensa da Rede Natura, ADEGA organiza este roteiro para
reivindicar outro modelo de xestión para este (a Costa da
Vela e o Cabo Home), e outros espazos costeiros do Morrazo de
interese natural, hoxe ameazados pola especulación
urbanística.
Faremos tamén parada
na vila de Cangas para coñecer e solidarizármonos
coa problemática do porto deportivo de Massó.
A Costa da Vela mantense
como o pedazo de litoral máis salvaxe das Rías
Baixas grazas á súa inaccesibilidade. Grandes
penedías graníticas e impenetrables matogueiras de
toxos e abruñeiros, que medran en ladeiras de forte
pendente e soportan a marusía de vento e sal, son a mellor
garantía da conservación deste espazo natural.
Nestes cantís mariños, alén de matogueiras
-grande parte delas magníficas representacións das
matogueiras de acantilado, un dos hábitats de interese
prioritario de conservación na Unión Europea-,
atópanse as mellores mostras de pasteiros naturais e
vexetación de rochedos mariños desta parte do
litoral continental galego. Poderemos aprecialas desde o Alto do
Facho, lugar histórico que se alza sobre a encantadora
aldea de Donón, e onde se está a escavar un
importante asentamento castrexo, que é unha desas
privilexiadas atalaias onde se deleitar co mar, o bater das ondas
e á vista das illas Cíes e Ons.
O espazo
natural Costa da Vela, declarado LIC (Lugar de Interese
Comunitario) para integrar a Rede Natura 2000, tamén inclúe
unha franxa de augas mariñas de elevado valor biolóxico
e socioeconómico, así como praias e dunas de grande
beleza e interese xeomorfolóxico e botánico: Melide,
Nerga, Barra e Viñó, as dúas últimas
santuarios do nudismo e das que de certo poderemos gozar neste
roteiro. Pequenos redutos de carballeiras e de zonas palustres
completan a vexetación natural desta paraxe, unha das
mellores mostras do que outrora foron as paradisíacas Rías
Baixas.
|