FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

Sabía vostede qué…?
DECENAS DE MILES DE
HECTAREAS DE TERRITORIO GALEGO PERDEN A SÚA PROTECCIÓN
AMBIENTAL
Co motivo do aparentemente
inofensivo documento de inicio para a avaliación ambiental
estratéxica do Plan Director de Conservación da Rede
Natura 2000 en Galicia estámonos a decatar da proxectada
desaparición de decenas de miles de hectáreas de
espazos naturais protexidos.
Hai que facer un repaso no tempo das
distintas leis europeas, estatais e autonómicas que foron
regulando a designación e normativización dos espazos
naturais para visualizar esta desprotección de zonas ate o
momento protexidas e que nos dá unha idea da magnitude da
destrución ambiental que estamos a sufrir, que podemos
cualificar de histórica.
En 1989 aparece a lei estatal
4/89, do 27 de marzo, sobre conservación dos espazos naturais
da flora e fauna silvestre.
Como aplicación en Galicia
aparece o decreto 82/1989 do 11 de maio, que regula a figura de
espazo natural en réxime de protección xeral. Este
decreto é emitido pola Consellería de Agricultura da
Xunta de González Laxe e crea o Rexistro Xeral de Espazos
Naturais de Galicia.
Coa publicación da Orde do 3 de abril
de 1991, a Consellería de Ordenación do Territorio e
Obras Públicas (José Cuíña) se dispón
a entrada en vigor dos proxectos de revisión das Normas
Complementarias e Subsidiarias de planeamento das provincias da
Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Estas normas entraron en
vigor segundo resolución desa consellería do 10 de
xaneiro de 1990 e foron publicadas nos DOG núm. 13, 15, 16,
17, 18, e 20, do 18, 22, 23, 24, 25, 26, e 29 de xaneiro
respectivamente, e incluían a definición, cartografía
e normativa dos espazos naturais protexidos pertencentes ao Rexistro
Xeral de Espazos Naturais de Galicia. O artigo 28 desas normas
considera como usos permitidos nos espazos naturais:
“No
ámbito de aplicación desta norma non se autorizará
a construción de ningunha clase de edificación,
permitíndose a explotación racional dos recursos
vinculados ao medio que non atente contra os valores esenciais que se
protexen”.
A Rede Natura 2000 é creada segundo a
directiva 92/42/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á
conservación dos hábitats naturais de fauna e flora
silvestre. A lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da
natureza, (Manuel Fraga), articula de xeito novo os espazos naturais,
creando a Rede Galega de espazos protexidos, partindo de cero e sen
definir qué sucede co antigo Rexistro. A Resolución do
30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación
da Natureza (Diario Oficial de Galicia número 95, do 19 de
maio) dispón a publicación, no Diario Oficial de
Galicia, da cartografía onde se recollen os límites dos
73 espazos naturais declarados zonas de especial protección
dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (Diario
Oficial de Galicia número 69, do 12 de abril). En este decreto
aparece a proposta de LICs e ZEPAs para formar parte da Rede Natura
2000, declara estes mesmos espazos como Zonas de especial protección
dos valores naturais ZEPVN e os fai entrar na Rede Galega de Espazos
Protexidos. Segue sen aparecer por ningures o Rexistro nin os espazos
nel citados.
Coa Decisión da Comisión de 7 de
decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2004). , a Comisión
Europea aproba os LICs e ZEPAs propostos, que entran a formar parte
da Rede Natura 2000.
O documento de inicio actual móstranos
a Rede Galega de Espazos Protexidos formada polas 384.108,7 Has das
ZEPVN (LICs e ZEPAs) mais 8.495,8 do Parque Nacional das Illas
Atlánticas, 40.894 de parques naturais, 308,5 de monumentos
naturais e 7.749 de humedais protexidos, o que da un total sen
solapamentos de 389.856,5 Ha.
Qué foron dos espazos do
Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia?
Que foi da
protección ás 6.880 Ha da Serra de Argallo e A Groba,
entre Baiona e A Garda?
Que foi da protección ás
4.482 Ha da Serra do Suido, entre as provincias de Pontevedra e
Ourense?
Que foi da protección ás 3.735 Ha dos
Montes do Morrazo e ás 542 da Carballeira de Coiro?
Que foi
da protección ás 1.100 Ha das Penas de San Cibrán
de Salceda (Porriño, Salceda, Ponteareas)?
Por qué
deixan de ter calquera tipo de protección 110 Ha na Ramallosa
(Val Miñor), 474 Ha en Monte Aloia, 248 Ha na Enseada de San
Simón, 478 na península do Hio e a costa de Darbo en
Cangas, 113 en Cabo Udra (Bueu) etc,etc..?
Máis de 20.000
Ha (hai 38.553 Ha declaradas LIC) que perderían toda a súa
protección só na provincia de Pontevedra nun prazo de
quince anos dende a súa declaración.