FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
O compromiso do Foro é o de servir de marco para a expresión de toda a cidadanía de Cangas : ¿que tipo de pobo queremos?. Xa nos amosaron o que querían "eles" e mais de 8.000 persoas sairon a rúa para rexeitalo. Aportemos ideas e discutamos as liñas que deben rexir un novo Plan.
|
PUNTOS
A DISCUTIR PARA CREAR AS LIÑAS BÁSICAS DUN NOVO PLAN
XERAL
|
SUXERENCIAS AO AVANCE DO PLAN XERAL PRESENTADAS O 15 DE DECEMBRO DE 2007
COMENTARIOS E PROPOSTAS DO FORO SOCIAL DE CANGAS
Condicións previas ao
ordenamento
Coñecemento do territorio
É
fundamental o traballo de campo, a relación entre o equipo
redactor e a poboación, e fomentar a
participación.
Cartografía actualizada
Esperamos
que o equipo redactor conte coa mellor dispoñible, con
fotografía aérea. Tampouco está de máis
contar con fotografía aérea do pasado, para observar os
cambios producidos, analizalos e telos en conta
Cartografía
dos límites do municipio
Os límites supoñen
moitas veces cuestións conflitivas que convén abordar
con tempo e creando comisións de estudio que cheguen a
consenso nos puntos conflitivos
Cartografía de montes
comunais
Deberáse pedir a cartografía propia das
comunidades de montes e diferenciar o monte xa deslindado, os baldíos
e as zonas con usurpacións. Pode ser unha oportunidade única
de delimitar claramente os terreos comunais e parar o incesante
goteo, chorro as veces, de usurpacións. Recordar que o monte
comunal é inalienable, inembargable e imprescritible. Especial
consideración deben ter os montes comunais de Aldán,
sobre os que hai pendente unha reclamación xudicial dunha
xestora veciñal pola recuperación dos montes en man
común. O Plan Xeral deberá absterse de calquera
ordenación sobre estes terreos que non contemple a posible
sentenza favorable aos veciños e a situación que iso
pode crear.
Licenzas en curso
O equipo redactor deberá
ter a información totalmente actualizada, e a sección
de urbanismo do Concello deberá manter o principio de
precaución sobre as licenzas en curso para evitar que podan
contradicir o posible ordenamento ate o momento en que se suspenda a
concesión de licenzas.
Catastro rústico e urbano
actualizados
A revisión do 2002 foi un denigrante
exemplo de trato caciquil e desprezativo aos propietarios cangueses
do rural. Non existiu soporte informático a disposición
destes e nun mínimo espazo de tempo houbo que apelotonarse na
Casa da Cultura para estudar planos e documentación. Moitas
propiedades aparecían con propietario descoñecido e as
resolucións finais careceron en moitos casos da rigurosidade
necesaria. "Río revolto ganancia de pescadores".
Pasado o período de exposición en Cangas todos os
trámites se tiveron que facer pagando desprazamentos e
consultas a Pontevedra. É absolutamente necesaria unha
revisión coidadosa e respectuosa cos propietarios para que o
parcelario co que traballe o equipo redactor non conteña erros
nin produza inxustizas e gasto de diñeiro en posteriores
alegacións, xa chegou co gasto realizado no anterior
plan.
Problemas urbanísticos
Curiosamente este
apartado aparece normalmente ben enfocado nos distintos plans xerais,
aos arquitectos lles gusta salientar a cantidade de erros presentes
na ordenación xa existente para despois non solucionar ningún
dos problemas e crear outros, moitas veces de calibre aínda
maior.
Un dos problemas de base é a non existencia de unha
ordenación do territorio de rango superior. A costa sofre unha
presión urbanística que debera estar contida por un
esponxamento e permeabilidade costa-interior.
A protección
dun ecosistema de gran valor polas súas característica
naturais e de produtividade como son as rías precisa de un
enfoque conxunto no que abastecementos, depuración, uso de
territorio , mobilidade, paisaxe, etc debera ter un enfoque conxunto.
As Rías Baixas sería a unidade de ordeación que
consideraríamos máis adecuada. Voltamos a pedir o
principio de precaución ante ordenamentos que podan supoñer
contradicións con leis e ordenamentos de rango superior, lei
do litoral, da paisaxe, lei dos ríos, directiva marco da auga,
etc..
Análise de carencias
O mesmo que o
anterior, vai resultar máis difícil atopar solucións
que analizar os problemas, máis pensamos que hai que
plantarlle cara aos problemas e aproveitar esta oportunidade para
poñer camiño a súa solución. Xa no
rexeitado plan de Arteplan aparecía un déficit de
espazos libres de 270.000 m2, contando cos metros cadrados habitables
existentes no 2004. Este vai se un dos grandes problemas co que se
enfronte este plan. Non imos aceptar zonas verdes nos montes,
alonxadas da poboación e usurpando outros usos tamén
necesarios. Si non é posible solucionar este problema
satisfactoriamente somos partidarios do crecemento cero.
Outro
gran problema é a carencia de chan industrial. Tamén
consideramos como unha prioridade resolver esta situación.
Traballo
de campo
O equipo redactor deberá entrar en contacto
directo coa poboación e tratar de entender a súa
percepción do territorio e as súas perspectivas de
evolución. O porcentaxe de territorio de uso público é
elevado, e este plan debera mantelo ou incrementalo, artellando tamén
unha conciencia da necesidade de xestión común dese
territorio e o seu desenvolvemento práctico. A cualificación
dun terreo como de protección de espazos naturais, de costas,
de protección agropecuaria ou outros non ten que ser entendida
como limitación senón como oportunidade, pero para iso
fai falla que os afectados miren tamén beneficios, non
soamente paus que lles caen. O Foro manterá a máxima
vixilancia ante conductas do equipo redactor que supoñan
beneficios particulares contrarios ao interese xeral, e os perseguirá
de xeito xudicial.
Estudio do medio natural
O equipo
redactor solicitará colaboración aos grupos locais
coñecedores do medio natural para realizar un enfoque serio
neste importante apartado. Podemos afirmar que nos atopamos nun
proceso de grave deterioro do medio natural, e é fundamental
invertir a tendencia, protexendo e rexenerando, e xerando beneficio
de dita rexeneración. É o home o que ten que estar
inserido nun medio natural, e non a natureza a que ocupe os poucos
resquicios que o home deixe. O medio é a nosa fonte de vida,
de traballo básico, e o que nos pode dar a satisfacción
e o benestar necesario para ter una comunidade forte, autosuficiente,
creativa e realmente desenvolvida. Sabendo do tempo limitado do
equipo redactor, propoñemos que as colaboracións
solicitadas a grupos locais sexan remuneradas no caso de que estes
traballos precisen de dedicación persoal específica.
Estudio
social
Vivimos en Galicia uns tempos nos que a tendencia de
cambio promovida pola globalización e as grandes empresas
apunta a unha maior proletarización, a unha maior
concentración de capitais, a un abandono dos sectores
primarios, un excesivo peso dos terciarios, unha tendencia aos
monocultivos, á perda de calidade do entorno rural e a un
desprezo xeral polo pequeno e diverso preconizando o grande e
uniforme. Nós non queremos iso. Rexeitamos o inmobilismo pero
pensamos que os parámetros de evolución deben basearse
no existente, non na destrución do existente para a
realización de experimentos interesados de procedencia allea.
O minifundismo non é a mellor solución, pero ten claras
virtudes de autosuficiencia, non dependencia e diversidade que compre
manter.
Cangas ten personalidade e identidade, iso non o pode
negar ninguén, reclamamos que o plan que agora comeza reflexe
esa idiosincrasia, respecte e realce a nosa historia, tradicións
e referencias sociais inscribíndoas nunha situación de
avance cara a un benestar social participativo e solidario.
Entorno
lexislativo
Respecto estricto da legalidade e atención
especial a determinadas leis como poden ser as de Costas, NNSS
provinciais do 91 e manter o principio de precaución ante as
futuras leis da Paisaxe e o Litoral.
Debate sobre o
financiamento municipal
Manter como principio básico a
dedicación dos fondos procedentes do urbanismo ao propio
urbanismo, non a gastos comúns.
Axencia de
desenvolvemento urbanístico
Na liña de
independizar o urbanismo de outros servizos prestados polo concello,
deberíase estudar con atención a posibilidade de
creación dunha entidade independente, que atenda basicamente a
criterios profesionais e de transparencia, para a xestión
imparcial do urbanismo local.
Definición de
recursos
Prioridade á definición de fontes de
traballo, con criterios reais e non especulativos. Análise das
tendencias, fortalezas e debilidades, co fin de artellar un urbanismo
ao servizo da poboación, coa necesaria atención básica
ás fontes de traballo e ao acondicionamento do entorno que as
favoreza.
Previsión de crecemento demográfico
A
realizar con criterios científicos contrastables. Debe abrirse
un especial debate sobre o porcentaxe de vivenda baleira existente
actualmente. Tamén sobre a influencia das segundas vivendas de
propietarios non censados en Cangas na poboación local. No
análise de previsións deberase ter en conta o fluxo
migratorio, actual e previsible; crear as características
necesarias para cortar a fuxida da xuventude local e prever posibles
necesidades dunha hipotética afluencia externa.
Estratexia
de base
Obxectivos
Crecemento sostible
O
crecemento continuado nunca pode ser sostible, acaba por ocupar todo
o espazo e destruír todo o actualmente existente. Estas
palabras son iso, palabras que soan ben, para xustificar a
depredación sobre os recursos naturais. Polo contrario o termo
insostible é útil porque denuncia prácticas
destrutoras. O obxectivo desexable neste caso sería a
consecución dunha harmonía entre poboación ,
natureza e benestar. E temos que declarar que realmente non estamos
tan alonxados diso.
Cohesión social
Tamén
afortunadamente, as diferenzas sociais en Cangas son menores que no
medio urbano ou que en núcleos rurais máis aillados.
Calquera planeamento debe manter isto e tentar melloralo, evitando os
beneficios indecentes da especulación, o encarecemento do
nivel de vida e sendo xusto no reparto de cargas e
beneficios.
Crecemento planificado estratexicamente
A
normal aspiración do pobo de Cangas é medrar e evoluir,
pero hai que ter en conta que o simple crecemento económico
non significa mellora da calidade de vida, moitas veces é ao
contrario, e moitas veces, nun desenrolo mal planificado, a situación
é de pan para hoxe e fame para mañán. Temos un
claro exemplo no urbanismo caótico que promoveron Sotelo,
Gomez Millán e Marnotes, con grandes enriquecementos para
promotores foráneos, caos urbanístico, destrución
do tecido urbano e rural e baixa calidade urbanística. Un
crecemento intelixente precisa de definición participativa dos
obxectivos e dimensionamento do crecemento; de planificación
transparente, consensuada e profesional que teña en conta
tódalas variables e conte con un horizonte amplo. Por outra
parte hai que ser consciente das limitacións, o concello de
Cangas está nunha península, casi é unha illa, e
se deberá actuar de xeito intelelixente e cauto para
solucionar as aglomeracións do vran e non ter un territorio
saturado.
Calidade de vida
Ten que ser o gran obxectivo
que mida todo o demais, e insistimos en que partimos dun punto alto.
Igualdade, xustiza, sentimento comunitario e participación na
xestión comunitaria son as mellores armas con que podemos
contar para encarar os problemas e buscar solucións
satisfactorias.
Preservación de
valores
Produtivos
Fundamentais por ser os que dan
vida á comunidade e ós seus membros. Cangas sempre tivo
un alto grao de autosuficiencia e debe seguir téndoo, sen
necesidade de emigrar, de venderse ou de ser simple poboación
dormitorio ou de servizos.
Naturais
A natureza foi
xenerosa co noso territorio e debémolo preservar e
mellorar.
Paixasisticos
Un dos valores máis
salientables, de fraxilidade extrema.
Arqueolóxicos
Aínda
non suficientemente ben valorados e respectados. Necesaria
delimitación e protección de todolos castros
existentes, petroglifos e outros restos. Denuncia a Promalar por
facer os chalés de Herbello na área de protección
do castro de Herbello e petición de restitución da
legalidade. Desconfiamos das actuacións estrela de Sotelo no
Facho, a protección e exposición ao público é
necesaria, pero que adquiran un caracter mediatico pode representar
un perigo, como o era a situación do centro de interpretación
nunha zona de alto valor ecolóxico e paisaxístico.
Solicitamos unha actuación cauta en este tema, sen alardes
propagandísticos que contrasten con un abandono total do resto
do patrimonio.
Históricos
O mesmo. Atención
especial ao Castelo de Darbo.
Culturais
A propia idiosincrasia
esta baseada nunha cultura rica pero sometida a fortes presións
externas. Temos confianza na súa fortaleza e riqueza, débese
reclamar un especial agarimo para con ela sen chegar a extremos
proteccionistas que as veces obteñen o efecto
contrario.
Establecemento de prioridades
Ten que ser a
propia participación da poboación a que as defina. Para
nós sería obter unha poboación con pleno
emprego, que este fora de calidade, e que a calidade do entorno fora
parte fundamental no benestar da poboación. Evidentemente o
urbanismo non é a única arma para alcanzar un obxectivo
así, pero pode e debe axudar.
Medios para
conseguilos
Estratexia de actuación
Pensamos
que é fundamental a participación, a transparencia, a
profesionalidade e a clara diferenciación entre interese
público e intereses privados.
Estudio económico
Estamos
convencidos de que a especulación sobre a vivenda non pode ser
base sólida para nada e que os parámetros a estudar e
valorar deben basearse en datos estatísticos contrastados e de
longo prazo. Rexeitamos claramente a venda de Cangas con fines
especulativos e reclamamos o noso dereito a vivir do noso traballo.
Aparte da entrada inmediata de cartos que produce a urbanización,
existen uns gastos contínuos no tempo que esta provoca e que
pasan a ter que ser asumidos polo conxunto da comunidade. Ollo. O
urbanismo ten que estar autoxestionado e non alimentar os gastos
comúns do concello.
Participación
A
reclama a lei, está presente nos programas electorais, pero á
hora da verdade resulta incómoda, é moito máis
doado atender ás presións inmediatas. Reclamamos o
desenvolvemento dunha Axenda Local 21, a creación, segundo as
súas pautas, dun Foro do Medio Ambiente e comezar a definir
unha filisofia medioambiental común. A base deste Foro podería
ser o actual Consello Sectorial de Urbanismo, que debe seguir tendo
gran importancia sobre todo o proceso de redacción do Plan.
Neste senso, se ten falado da creación de comisións
específicas e a consulta a expertos en temas concretos como
medio de poñer temas en discusión, a traveso de
conferencias e xuntanzas. Urxiría unha definición de
temas conflictivos e a definición dunhas xornadas nesta
dirección.
Transparencia
É o garante de que
prime o interese público sobre os intereses
privados.
Observación de leis e prescricións
É
a liña que NUNCA se pode
rebasar.
Ordenamento
Recursos
Mar
Portos
Aínda
que dentro das xurisdicións de Costas, Portos de Galicia ou
Puertos del Estado, Cangas debe dar a súa opinión sobre
os portos e integralos no seu tecido territorial. Cangas e Aldán
son os principais portos do concello, pero existen peiraos en
Menduiña, Río Esteiro, Ameixide, Punta Couso, Melide, A
Congorza, O Salgueirón, Punta Rodeira e O Canabal. O mar é
un elemento fundamental na vida de Cangas, e o vai a seguir sendo. Os
peiraos son puntos de contacto entre terra e mar e protección
das embarcacións, pero tamén son obras agresivas que
teñen efectos as veces moi custosos para o medio ambiente.
Deberáse estudar moi coidadosamente a utilización dos
peiraos, para tirarlle o máximo partido ao xa existente,
promocionar o sentido colectivo que teñen, e organizar as súas
capacidades para o transporte colectivo e a explotación de
recursos. Débese evitar a privatización de espazos que
son e deben ser comunitarios. As concesións son admisibles con
reservas, as apropiacións non. Débese manter sempre a
obrigatoria servidume de paso de 6 metros. Recordar a lei que impide
instalacións portuarias a menos de 200 m dunha praia
(pantaláns Rio Esteiro). A actividade prioritaria debe ser
sempre a pesca, xustificada pola súa importancia real e
posibilidades futuras como produto de máxima calidade.
Areas
de marisqueo
Consideramos que o marisqueo é unha
actividade comunitaria de grande importancia que se atopa
indebidamente en declive. O Plan de urbanismo debe tamén
contar con estas áreas nas súas dimensión actual
e posible (o marisqueo a pé é a autentica acuicultura,
gran cantidade de areais do concello son susceptibles de ser
cultivados) para prever accesos, servizos, e as necesarias
instalacións en terra (puntos de descarga, amarre das
embarcacións, cetareas..) mediante a adecuada ordenación
das posibilidades actuais e sen que repercutan negativamente sobre o
medio e as propias áreas de explotación.
Polígonos
de produción
Dentro do noso territorio se sitúan
importantes polígonos mexiloeiros, que aínda que no
caso da ría de Vigo son explotacións principalmente de
propietarios de Moaña, non temos por qué considerar que
vai a ser sempre así. Débense contar coas necesarias
instalacións en terra para amarre de embarcacións,
servizos (posible reparación de bateas, recolleita de
residuos,..), e cetareas. Tamén se debería prever unha
futura expansión da acuicultura en mar aberto. A piscicultura
en terra, presente na Punta dos Castros en Nerga, debe considerarse
como inadecuada, como sucede nos máis avanzados países
europeos, pola súa negativa repercusión no litoral, na
calidade das augas e na bioloxía natural da zona. Na ría
de Aldán existen as instalacións industriais situadas
en dominio público (en trámite de investigación
en Costas) de Ameixide, que deberían estar dedicadas á
atención dos polígonos da ría, a cetareas,
industria auxiliar e unha posible actividade comercial de produtos da
ría de alta calidade enfocada ao turismo náutico.
Areas
industriais
Cangas mantén un déficit durante
máis de quince anos de terreos axeitados para a instalación
de industria. Se pode entender que a situación de Cangas non é
a máis axeitada para determinada industria, sobre todo a
pesada, pero si que precisa de áreas industriais para cubrir
as necesidades das actividades primarias, sobre todo das do mar. O
plan podería prever diferentes situacións dependendo da
nocividade da actividade. Unha actividade silenciosa e non
contaminante non precisa das mesmas condicións de outras máis
agresivas.
Agricultura
Estratexia
A actual
importancia da agricultura na economía do concello é
simbólica. No obstante, a súa importancia cualitativa é
enorme, podemos referirnos á calidade dos produtos que forman
parte da nosa dieta; á autosuficiencia que conleva e o seu
arraigado compoñente psicolóxico; á importancia
etnográfica e identitaria; á importancia indudable na
paisaxe e na biodiversidade... En tempos pasados se construían
as casas no terreo pedregoso para non destruír terreo
cultivable. A agricultura ecolóxica está a medrar en
toda Europa, en Alemania hai hipermercados de produtos ecolóxicos.
Hai países que subvencionan o cultivo atendendo a razóns
puramente economicistas para evitar danos ecolóxicos. A
posibilidade dunha crise da enerxía ou do transporte tamén
podería toparnos na posesión duns fértiles
campos cubertos de formigón. Pensamos que se deben preservar
ao máximo os campos de cultivo e artellar estratexias de
aluguer de terras, comercialización colectiva, cultivos de
alta calidade, gandeiría selectiva ou outras, que fagan
rentable a agricultura e esta constitúa un factor máis
de calidade de vida para a poboación local.
Montes
Modelo
produtivo
Polo tamaño das explotacións e pola
accidentada orografía, os monocultivos de eucalipto e pino
resultan de moi baixa rendibilidade no noso concello. Conlevan
ademais a destrución da biodiversidade propia, o impacto
negativo na paisaxe e os recursos hídricos, e polas súas
características pirofíticas, o aumento de riscos de
lumes forestais.
A pesares da necesidade de moitos anos de
crecemento, as especies autóctonas son as que proporcionan un
menor risco de lumes, unha madeira de maior valor, unha paisaxe de
maior calidade, e a posibilidade de explotación de outros
produtos diferentes á madeira, como poden ser os cogumelos, as
castañas ou outros múltiples froitos e a propia caza.
Esa inversión terá que facela algunha xeración.
Sexamos nós os que comecen.
Industria
Polígonos
industriais
Comentábamos a necesidade de terreo
industrial que ten Cangas. Pola limitada extensión do concello
non hai ningún punto que se atope a máis de 2.000
metros de un núcleo de poboación, imposibilitando por
tanto as activividades nocivas e molestas. Deberíase apostar
por actividades que reportaran altos valores añadidos e que
estiveran relacionados coas actividades extractivas da comarca.
Lembrar a importancia para iso da formación e o I+D+I. A nosa
pretensión sería a creación dun parque
tecnolóxico, puidera ser que especializado en industrias e
actividades relacionadas co mar. O Salgueirón sería
unha ubicación idónea debido aos 30.000 de naves
existentes e en desuso. O parque industrial de Castiñeiras se
podería ampliar no concello de Cangas nunha cantidade limitada
de metros cadrados, mentras non supuxera un alto impacto sobre a
cabeceira do val de Aldán, e non resultase unha operación
especulativa sobre os terreos senón a accesibilidade de terreo
industrial asequible para empresarios/as e emprendedores/as do
concello.
Plans sectoriais
Debéranse desarrollar
plans que coordinaran e planificaran estratexicamente sectores como o
citado da agricultura, a pesca e a súa industria derivada, ou
o turismo. Debido á anteriormente citada proximidade dos
núcleos, se debera descartar no concello a actividade mineira,
concretamente a das canteiras, resaltando ademais o seu irreversible
impacto e a inaceptable explotación privada con alto custe
público, ecolóxico e paixasistico de bens
comunitarios.
Servizos
Areas comerciais
Pola súa
situación, a área industrial da Portela debera ser un
área comercial-industrial, evitándose a actividade
manufactureira e centrándose no sector automoción ou
outras actividades que precisen de unha boa situación
comercial.
Polas características de pequeno núcleo
urbano, o núcleo de Cangas resulta un centro comercial
natural, de grande importancia (e en continuo crecemento) pola
atomización do comercio e a súa repercusión en
tódalas actividades económicas e de socialización
do concello. A máis pequena escala, Aldán-Vilariño
ou outros núcleos tradicionais deberan seguir o mesmo camiño,
a pesares da despersonalización a que os someteu Sotelo. Como
elementos aos prestar gran atención, a problemática do
aparcamento de gran número de vehículos particulares
debe ser estudada moi coidadosamente. Adiantamos nosa aposta clara
polo desenvolvemento de transporte público de calidade.
Rexeitamos calquera gran área comercial allea aos núcleos
debido a concentración económica que supoñen e
súa incompatibilidade co pequeno
comercio.
Turismo
Estratexia
Chamamos á
atención sobre a utilización interesada e irreal do
turismo como recurso en gran expansión e de posibilidades
ilimitadas. O porcentaxe de participación na economía
ou no emprego de este sector non supera o 10% do total, pero é
empregado como señuelo para a privatización de recursos
como pode ser o caso dos portos deportivos ou na focalización
da venda de terreos como a única actividade a que nos miramos
abocados en Cangas. Rexeitamos esta visión e reclamamos o
desenvolvemento dos recursos propios e a negativa á venda
masiva dos mesmos. O turismo pode ser unha entrada económica
de certa importancia, pero sendo racionais coa súa
explotación: produce máis manter unha alta calidade
ambiental e de benestar comunitario que propoñer unha rápida
degradación e o consumo masivo de territorio para atoparnos
cunha oferta de calidade baixa e unha degradación cada vez
maior.
Medio natural
Rede Natura 2000
A
declaración de Rede Natura se fixo de maneira arbitraria
baseándose nos espazos protexidos presentes no Rexistro Xeral
de Espazos Naturais de Galicia creado mediante o decreto 82/1989.
Estes espazos no concello de Cangas son o 6 Cabo Home e 20
Carballeira de Coiro, están reflexados nas NNSS provinciais e
respectados como de protección de espazos naturais nas NNSS
actualmente en vigor. Rede Natura diminúe enormemente o espazo
6 Cabo Home e elimina a Carballeira de Coiro. Por contra aparece o
tramo ao N de Menduíña como parte do LIC Cabo Udra.
Temos pedido repetidamente a ampliación da Rede Natura ate
incluír tódolos terreos que figuraban no Rexistro e
reclamamos que o Plan os trate de maneira igualitaria cos de Rede
Natura. Se ten pedido tamén a ampliación dos espazos
mariños ate interconectar o LIC Cabo Home co LIC Cíes e
o LIC Udra, e incluílos no Parque Nacional das Illas
Atlánticas, e integrar a Carballeira de Coiro co espazo 19
Montes do Morrazo nun novo LIC chamado Carballeiras, Uceirais e
Matogueiras do Morrazo.
Parque Nacional das Illas
Atlánticas
Cangas é balcón inmellorable sobre
o parque, que, como se di no punto anterior, se debera ampliar ate
incluír os LIC Cabo Home e Udra e o espazo mariño
intermedio. O parque ten que xerar un turismo limpo e de calidade que
debe deixar beneficios en Cangas. É preciso contar con puntos
de embarque, información, actividades e atender á
loxística do parque. O Salgueirón podería
centralizar estas actividades. Se debera establecer unha serie de
miradoiros dirixidos ao parque (habilitados con baixo
impacto).
Reserva da Biosfera da Unesco
Trátase
dunha proposta que consideramos altamente interesante. O núcleo
sería o Parque Nacional das Illas Atlánticas e Cangas
estaría na zona tampón. Na súa xestión
participan todo tipo de asociacións e entidades e pensamos que
pode conxugar alta calidade ambiental, con alta produtividade,
calidade do produto e turismo limpo e de calidade.
Zonas
protexidas
Reiterar a protección necesaria para os
espazos do Rexistro, protección significa limitacións,
atención ás infraccións, restablecemento da
legalidade e rexeneración de zonas degradadas. O Plan non pode
nunca legalizar actuacións ilegais no seu momento, o faría
nulo de pleno dereito. É preciso recuperar a legalidade en
amplas zonas do litoral, de protección de Costas e de
protección de espazos naturais, e de canles de auga,
degradadas por chabolismo, segunda vivenda e construcións
ilegais. Os verquidos producidos son un perigo para a salubridade
pública e a inxerencia de modos de vida e especies foráneas
atacan gravemente aos ecosistemas e formas de vida
locais.
Costa/praias
Seguindo coa filosofía
do punto anterior, débese prestar especial atención ao
mantemento da entidade natural da liña de costa, que será
a súa mellor defensa ante a erosión e unha posible suba
do nivel das augas. Ante unha posible lei do Litoral, é
preciso manter o principio de precaución, mantendo
edificacións e infraestruturas suficientemente alonxadas da
liña de costa. Respecto estricto á lei de Costas, e non
creación de máis superficie urbana dentro dos límites
de 500 m da costa. Rexeneración de praias, dunares e humedais
costeiros como preservación e mantemento da riqueza
comunitaria en contra do egoísmo privado.
Bosques
Especial
atención á actuación das comunidades de montes,
xestoras da maior parte de bosques. É preciso extremar a
transparencia da súa composición e actividade, ao tempo
que apoiar dende as instancias públicas a súa
dificultosa e esforzada actividade. Reiteramos a nosa aposta pola
inversión a longo prazo e pola concienciación pública
para contribuír á xestión de bens comunitarios
que nos benefician a todos/as.
Bosques de ribeira
Son
zonas de gran importancia, que constitúen importantes espazos
de comunicación da fauna, e de esparcemento e oxixenación
comunitaria. Débese manter escrupulosamente a policía
de 100 m dos marxes e rexenerar ou tentar rexenerar as zonas
degradadas.
Zonas húmidas
A lagoa de Vilariño
e a de Balea son as máis importantes. Débese valorar
adecuadamente a súa importancia e fraxilidade e establecer os
adecuados marxes para súa protección e a da
biodiversidade que acubillan.
Cursos de auga
Está
en curso o desarrollo dunha lei de iniciativa popular sobre os ríos
sobre a que se debe manter o principio de precaución. Recordar
que esa lei afecta tamén ao mar nun sector de radio un
quilometro sobre as desembocaduras. A directiva marco da auga
establece tamén como obxectivo para o 2015 que os cursos de
auga teñan a necesaria calidade biolóxica.
Franxas
amortecedoras
Para a adecuada protección da calidade
ambiental é preciso manter unhas franxas que non convertan os
terreos protexidos en illas biolóxicas senón que
constitúan unha rede consistente. Pensamos que é
posible convencer á poboación da necesidade de manter
unha calidade medioambiental alta e de que facéndoo así
obteremos beneficios.
Avaliacións de impacto ambiental
O
actual Plan tense que someter á avaliación ambiental
estratéxica segundo a lei 9/2006. Pola nosa parte, non vai ser
un trámite máis, senón unha das canles polas que
a participación da poboación ten que asegurar o
mantemento e mesmo a rexeneración da calidade
ambiental.
Infraestruturas
Vía de alta
capacidade
Intentárase reducir o terrible impacto de
esta infraestrutura, estudando medidas adecuadas como a creación
dun falso túnel no Liboreiro, a substitución de plantas
alóctonas por autóctonas nos terrapléns, a
restitución de camiños e cursos de auga ou a creación
de barreiras sonoras e visuais. Para evitar a saturación da
vía é fundamental a promoción do transporte
público, terrestre e marítimo, con liñas
directas ás praias, e a regulación e rigoroso control
dos aparcamentos nas praias. Disuasión, pero con alternativas.
Si che meten unha boa multa e podes coller un transporte público,
vas no público, é difícil que sexa máis
incómodo que a cola e o suplicio para aparcar.
Trazado
viario
O trazado xa é realmente extenso, proporíamos
unha atención seria ao estado do xa existente, coas
ampliacións e melloras que sexan posibles, e unha previsión
real de inversións para a mellora e mantemento. Como
circulacións a mellorar especialmente estarían: unha
ruta alternativa de para non pasar polo centro de Cangas; mellorar a
carreteira de Herbello..Proporíamos eliminar aparcamentos nas
vías principais onde sexa necesaria fluidez, a eliminación
total dos semáforos e a creación de rotondas onde sexa
posible. Para racionalizar o tráfico é necesaria a
promoción do transporte público, a ser posible en
unidades de pequeno tamaño (microbuses), como existen en
moitas partes do mundo, de percorridos e horarios flexibles, e
enerxeticamente eficientes.
Resaltar a importancia dos camiños
públicos, non necesariamente asfaltados e o seu mantemento (en
condicións adecuadas) como rutas bici ou de senderismo. No
plan se deberan cartografiar, incluida a
GR-59.
Portos
Racionalización dos existentes.
Posibles puntos de desembarque nas praias (no vran). Reparación
e coidado do existente, en estado de abandono actualmente en moitos
casos. Eliminación progresiva de actividades que se podan
realizar en outras situacións (almacéns, aparcamentos,
frigoríficos, oficinas, hostelería..)(Lei de Costas).
Prohibición da publicidade en dominio público (Lei de
Costas). Proxecto racional de recuperación do patrimonio
histórico no Salgueirón. Recuperación do uso
público de Ameixide.
Zonas peonalizables
A
tendencia será a da peonalización dos distintos
núcleos, deberá ser regulada e promocionada mediante o
uso do transporte colectivo e a provisión de aparcamentos
alternativos. Fomento dos carrís-bici, non necesariamente
asfaltados.
Aparcamentos
Retirada dos aparcamentos en
primeira liña de costa. Provisión de aparcamentos sen
ánimo de lucro cercanos aos núcleos.
Abastecemento
de auga
Estudio da posible captación e almacenamento de
auga autosuficiente para O Morrazo. Control sobre os acuíferos
e posibles afeccións por obras, e mantemento das fontes
públicas e a súa salubridade. Extensión do
servizo ás parroquias. Información centralizada dos
tendidos de auga. Control das perdas e servizo de atención
rápido.
Abastecemento eléctrico
Liñas
soterradas onde sexa posible, especialmente nos núcleos de
poboación e zonas de valor paisaxístico. Promoción
pública de minicentrais de biomasa. Alumeado público
eficiente e non derrochador. Extensión do servizo eficiente ás
parroquias. Información centralizada dos tendidos eléctricos.
Servizo de atención rápido.
Abastecemento de
gas
Extensión do servizo ás parroquias.
Información centralizada da rede. Servizo local de
emerxencias.
Liñas telefónicas/banda
ancha
Extensión do servizo ás parroquias.
Información centralizada da rede.
Antenas de telefonía
móbil
Coordinación do mapa de coberturas. Uso
compartido de antenas. Control e medición de contaminación
electromagnética.
Antenas de transmisión
Coordinación
do mapa de coberturas. Uso compartido de antenas. Control e medición
de contaminación electromagnética.
Saneamento e
depuradoras
Extensión do servizo ás parroquias.
Información centralizada da rede. Previsión de
depuradoras independentes por cuncas naturais. Dimensionamento según
puntas estacionais. Separación de pluviais. Depuradoras para
instalacións industriais. Control exhaustivo de funcionamento.
Dotación de pantallas visuais naturais.
Residuos
sólidos
Posta en funcionamento real da compostadora da
Portela. Recolleita selectiva.
Vivenda
Crecemento
real
Dimensionamento da edificación segundo o
crecemento real. A vivenda é unha necesidade, non un negocio.
Apertura de un debate sobre as vantaxes e inconvintes da creación
de segunda vivenda no concello.
Zonas edificables
Cualificación
do chan segundo os criterios reglados. Xustificación non
espuria de posibles recualificacións.Estas só se farán
en casos de estricta xustificación de interese público.
Transparencia. Non expansión do terreo urbano no límite
dos 500 m da costa. Non creación de barreiras visuais. Nos
opoñemos a tipoloxía de vivendas adosadas. Rexeitamos a
figura do axente urbanizador.
Núcleos urbanos
Se
promocionará a rehabilitación e o mantemento dunha
estrutura homoxénea e con personalidade. A atención as
áreas públicas é fundamental. Haberá
zonas verdes na proporción legal a distancias humanas, ou
sexa, cercanas. Se procurará que as zonas de diversión
nocturna non se atopen nas mesmas zonas de vivenda. As naves de Ojea
deberan rehabilitarse para este fin e para actividades culturais e
sociais.
Núcleos rurais/areas de expansión
Se
conservará o espírito tradicional e o valor cultural,
pero se permitirá a súa expansión dentro da
mesma filosofía, e facilitando o contacto coas áreas
públicas, a natureza, campos e montes.
PEPRI
Cumprirase
escrupulosamente co fin de manter a personalidade do núcleo de
Cangas. Como medida para manter a habitabilidade, os habitantes do
núcleo deberan ter acceso a prazas de garaxe públicas.
Se deberá ter moi especial atención ao aillamento
acústico dos locais nocturnos no casco vello, e facer
respectar os horarios.
Ordenamento da edificabilidade
Sabemos
das poderosas presións de promotores, construtores e
financeiras. Repetimos que a vivenda debe ser un dereito e non un
negocio. Queremos traballo e benestar, non vender Cangas, encarecer a
vida e ter que emigrar despois. Non nos tragamos o anzol. Os
planeamentos de Moaña, Marín, Vigo, Sanxenxo, son os
exemplos do que non debe ser o Plan actual.
Impacto
territorial
Queremos unha poboación inserta no seu
medio, non estragalo para aillarnos en cubículos
virtuais.
Harmonía edificatoria
Teñen que
existir unhas normas arquitectónicas comúns que eviten
o feísmo e promovan vivenda de calidade intrínseca:
volúmes harmoniosos, espazos amplos, alturas máximas,
luminosidade e ventilación nos interiores, control das trampas
e infraccións etc.. Sabemos que as normas existen, pero os
exemplos da nova construción son xeralmente
penosos.
Barreiras urbanísticas
Dentro da
calidade arquitectónica ten que estar a ausencia de barreiras,
para minusválidos e non, entradas a garaxes, sinalización,
valados excesivos, etc, etc. A planificación se supón,
pero habería que prever tamén a súa aplicación.
Dentro das barreiras urbanísticas se poden contar as barreiras
visuais. En Rodeira hai unha gran ocupación dun espazo natural
que é o dunar, no que sería desexable unha maior
apertura ao mar. Vilariño e Aldán estanse a converter
tamén en poboacións-barreira (deseño Enrique
Sotelo). E premio para o urbanista que puidera poñer algo de
humanidade no caos da Pedra Alta (asinado por Lois
Pena).
Dotacións
Dotacións sanitarias
O
Foro foi sempre partidario da creación dun Hospital Comarcal e
de que poderamos fuxir do inferno de Povisa e deixar de alimentar ese
negocio privado. Débense prever terreos para ese hospital e
non esquecer a atención primaria nas parroquias.
Zonas
verdes
No plan rexeitado aparecía un déficit de
270.000 m2. Para cubrilo e cumprir o ratio legal é preciso
abordar o tema coa máxima seriedade, estudando nesta fase de
avance as zonas posibles, e, de xeito ineludible, estudar a
financiación da súa posible expropiación. Non
imos aceptar zonas no monte afastadas da poboación, nin o
maquillaxe de zonas naturais a protexer. O Salgueirón pode
surtir de prácticamente 100.000 m2, é nosa aposta
clara, pero aínda estaríamos moi lonxe do terreo
preciso. A posibilidade que creemos que hai que estudar é a de
terreos cultivables en desuso cercanos á poboación. Non
queremos vivir nun suburbio masificado de Vigo, se non se pode
cumprir este ratio con honestidade, pensamos que temos que esixir o
crecemento cero.
Dotacións educativas
Debido ao
estancamento da demografía, probablemente os espazos dedicados
a isto sexan suficientes. É preciso mantelos
adecuadamente.
Dotacións deportivas
A prevención
é básica na saúde dunha poboación, e o
deporte unha necesidade na sociedade actual. Existe a elección
sobre gran cantidade de deportes. A Formula 1 non ten sitio apropiado
no concello de Cangas e outros deportes tampouco. Sí que temos
grandes oportunidades nos deportes náuticos, pero sen que con
iso nos pretendan privatizar o mar para facer aparcamentos de
embarcacións. Mergullo, vela tradicional, remo... teñen
condicións naturais de máximo nivel e supoñen un
mínimo impacto ambiental, poderían ser exemplos dos
deportes a promocionar; o deporte debe inserir ó home no medio
e non tentar convencelo da súa supremacía con alto
custe ambiental
Espazos culturais
O citado das
naves de Ojea podería dar unha referencia cultural e creativa
para a xuventude na que entrara a autoxestión e o aprendizaxe
para a vida comunitaria. Deben preverse espazos similares para as
parroquias. Estes espazos deben servir de centros de reunión
das asociacións e para actividades comunitarias e culturais co
menor dirixismo posible.
Dotacións relixiosas
O
patrimonio da igrexa é tamén patrimonio cultural común.
Débese velar pola súa conservación e utilización
comunitaria.
Cemiterios
Débese evitar que a
especulación ocupe o camposanto. Non permitamos que se faga
negocio coa morte.
Ferramentas do
ordenamento
Mecanismos de obtención de chan
Un
catastro adecuado e unha catalogación técnica do
territorio, permitiría a clasificación correcta da
propiedade do concello. Existen terreos baldíos que poden ser
utilizados para actividades comunitarias. O 10% de aproveitamento
urbanístico debe dedicarse a equipamentos comunitarios e non a
financiación de gastos comúns. A expropiación
vai ser necesaria en moitos casos e débese facer a prezos de
mercado, para o cal se teñen que estudar as necesarias liñas
de financiación. O reparto de cargas e beneficios debe facerse
de xeito igualitario. Algunha xente xa esta a falar de que o sistema
de goberno actual en Galicia estase a converter nunha "cleptocracia".
É responsabilidade do equipo de goberno realizar un
ordenamento xusto. De xeito contrario as tensións sociais o
farán imposible.
Sistema de cesión de
viais
Débese convencer aos propietarios de que ter uns
viais adecuados aumenta o valor de súa propiedade, pero fará
falla unha equidade cristalina para que un veciño non mire
favoritismo ao do lado e rexeite colaborar.
Convenios
Na
exposición pública do avance se presentaran alegacións
e posibles convenios. Temos mal exemplo nos convenios presentados no
anterior plan, inxustamente favorables para os propietarios. Deberá
quedar claro que as únicas recalificacións posibles
serán as que propoñan un beneficio claro para a
comunidade. Hai que ter en conta que a área urbana de Cangas
xa é moi extensa e que hai toda unha serie de servizos que son
responsabilidade do concello e outras administracións e que se
pagarán entre todos/as unha vez realizada a obra: as
contraprestacións económicas se dilúen
totalmente no tempo. Os convenios asinados co anterior plan son
nulos. Non se aceptará ningún convenio que involucre
aos montes de Aldán mentras non se resolva a demanda xudicial
dos veciños/as.
Areas de reparto
Rexeitamos a
creación de áreas de reparto, resultan un recurso fácil
para o urbanista pero producen situacións de gran inxustiza e
son augas revoltas adecuadas aos tiburóns urbanísticos.
Prevención de
problemas
Impacto territorial
No curso da avaliación
ambiental estratéxica débese estudiar o posible impacto
do plan en condicións de transparencia. Xeracións
futuras agradecerán que agora sexamos avaros co
territorio.
Impacto ambiental
O mesmo
Desemprego
É
un dos grandes problemas da comarca e debe ser o eixo básico
do planeamento: obter as condicións de explotación máis
axeitadas e xustas de nosos recursos para nosa
poboación.
Especulación
Produce
desigualdade, miseria, encarecemento da vida e tensións.
Tentaremos perseguila coas armas da administración, da xustiza
e da mobilización.
Problemas de tráfico
A
inversión en transporte colectivo supón grandes
beneficios para a comunidade. A liberalización do transporte é
unha oportunidade que debe ser enfocada como tal polas
administracións.
Encarecemento do nivel de vida
É
a consecuencia directa da especulación e o trato da vivenda
como obxecto de negocio, inversión e branqueo de
cartos.
Sobreexplotación
Unha xestión
racional debera evitala, coas súas nefastas
consecuencias.
Residuos
RRR, Reducir, Reutilizar,
Reciclar
Contaminación
Pode ser de moitas clases,
atmosférica, hídrica, do solo, acústica,
térmica, química, electromagnética, visual,
microbiológica, acústica, lumínica,
radioactiva.. Unha forma de vida desexable sería a que tivera
un mínimo impacto contaminante.
Previsión de medidas
correctoras
Seguimento continuado do Plan
O plan non
acaba coa súa redacción. Deberá ser aceptado
pola poboación e aplicado paulatinamente. Como sempre é
a participación cidadán, a transparencia e a
eliminación do amiguismo o que fará que teña
efectos positivos na comunidade, agora e para xeracións
vindeiras.
Cangas, decembro 2007