FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

POSICIONAMENTO DO FORO SOCIAL DE CANGAS ANTE O PLAN DE USOS PRESENTADO POR "A OITAVA ILLA"
Os comentarios recollidos
ate o momento son claramente favorables ás propostas
presentadas polo equipo redactor do "Estudo de usos públicos
e sociais para a recuperación natural e patrimonial do ámbito
do Salgueirón".
Valorase moi positivamente
a transparencia, o acceso público ao estudio (alomenos a
traveso de internet) e a presentación do estudio como "estudo
aberto a suxerencias e discusión" feita polo equipo
redactor.
Considérase moi
interesante e serio o análise sobre a importancia da zona e a
diagnose e recomendacións efectuadas sobre os distintos
elementos que a compoñen.
En canto as propostas en
si, hai unanimidade en valorar positivamente o enfoque da zona como
peza básica de dinamización económica e social
do concello, aportando espazos de grande calidade para usos
empresariais, sociais e, en pequena escala, comerciais.
Isto, feito respectando o
patrimonio e os valores naturais a traveso da declaración de
Parque Patrimonial, que encanaría cun relevante pasado do que
Cangas se ten que sentir orgullosa e dotándoa do grande parque
público e de equipamentos de que agora carece.
A importancia deste grande
parque público e da preservación e potenciación
do espazo natural de Punta Balea considérase máxima e
constitúe de todo xeito irrenunciable.
Diferentes voces aparecen
ao tratar a proposta dunha área residencial dentro da unidade
de actuación. Hai que lembrar a necesidade de zonas verdes
para Cangas e a obriga de cumprir coa lexislación en canto á
dotación destas zonas verdes que por lei lle corresponden. O
Foro Social aposta por un gran parque público, xa que en caso
contrario, o PXOM que se está a redactar deberá afectar
os terreos de numerosos pequenos propietarios para cumprir coa
porcentaxe de zonas verdes impostas pola lei.
O plan fai recomendación
expresa da necesidade dun estudo pormenorizado de viabilidade
económica e de mecanismos de financiación, e pensamos
que esa é agora mesmo a prioridade, ao fin de que os distintos
grupos políticos do concello se convenzan da viabilidade
dunhas propostas feitas cara ao cidadán e non ás costas
del, e o Plan Xeral que agora comeza as inclúa xa na súa
fase de avance. Seguemos a reclamar que volten a Cangas ao menos
parte dos cartos dos nosos impostos.
Cangas a 25 de
xaneiro de 2008
FORO SOCIAL DE CANGAS