CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

  O 19 de Marzo o pobo respondeu a chamada do Foro, muitos a esperaban, coa exposición pública do Plan Xeral de Ordenamento Municipal xa se lle tirara o pano a empanada, e o que avisaba o cheiro se mostrou certo:  isto que levan cociñando tres anos está totalmente PODRE

 

 

 

MANIFESTO DO 19.03.05 CONTRA O PXOM QUE SE ATOPA EN EXPOSICIÓN PÚBLICA

Homes e mulleres de Coiro, Cangas, Darbo, Aldán e Hío.

A Lei do Solo de Galicia a través dos plans xerais, persigue liberar a maior cantidade de solo posible para a construción. Este solo, convertido en edificable, non está destinado ós seus lexítimos propietarios se non ós grandes construtores e promotores inmobiliarios. Estamos a falar, entón, dun crecemento baseado na especulación. Os plans xerais, pretenden ordenar o territorio e protexer o medio rural e ninguén dubida da necesidade de que Cangas conte con un.

Pero entendemos que neste Plan Xeral nin se ordena o territorio nin se protexe o medio rural. Así, dos 53 ou 59 núcleos rurais que había en Cangas coas Normas Subsidiarias, só se conservan 7, todos eles situados en zonas que non teñen interese para a construción que se pretende. Tampouco se ordena o territorio coa edificación masiva propiciada polo gran número de bolsas que se inclúen, intentando deseñar unha cidade turística enriba dun pobo, o que xera enormes tensións: ó crearse grandes urbanizacións, de miles de vivendas, coas rúas e estradas tan estreitas como as que ten o noso concello (algunhas dunha soa dirección), ¿cómo van circular os coches polas parroquias e mesmo por Cangas?. Non queda máis remedio que afectar os terreos dos veciños para anchealas e crear accesos para as urbanizacións.

O plan pretende aprobarse sen realizar ningún tipo de estudio sobre a posible afección ó medio ambiente, nin inclúe un estudio sociolóxico sobre as verdadeiras razóns que o lexitimen, nin alerta sobre as consecuencias que terá sobre o municipio.

Moitos de vos vindes de queixarvos de que con este plan xa non poderedes construirvos unha casa, e tendes razón. O PXOM ten entre os seus sus obxectivos evitar que o solo urbano periférico e os núcleos rurais podan crecer. En lugar de recoñecer os núcleos rurais tradicionais existentes, este plan colócanos áreas de reparto que impiden ós veciños edificar no seu propio eido. Só se concederán en todo o municipio de Cangas licenzas para menos de 600 viviendas nas que un veciño poderá construir a súa propia casa, obligando a que o resto do solo se desenvolva en forma de urbanizacións de chalés adosados e edificios. Teredes que entregar as vosas fincas ós grandes constructores.

O Concello pensa crear unha Xerencia Municipal de Urbanismo que impulsará e dirixirá o desenvolvemento das 90 bolsas de solo que se queren crear por todo Cangas. Nada máis aprobarse o PXOM, as cinco primeiras bolsas teñen xa un prazo de dous anos para desenvolverse, ou no caso contrario entregaranse a un axente urbanizador ou edificador.

Os informes da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta e de Costas do estado, alarman da edificación masiva que se proxecta na costa e que ocupará un 40 % de Cangas no que a propia Xunta denomina "gran malla urbana" e "barreira ambiental" polo impacto que vai ocasionar.

O 60 % restante queda protexido, símplemente porque as leis non permiten construir nestos lugares por seren montes veciñais, solo de protección de costas e espacios naturais.

No PXOM aparecen claros tratos de favor hacia determinadas personas, creando para a meirande parte de vos problemas ó deixar moitas propiedades fóra de ordenación. Pretenden xustificar este plan en base a falsas premisas como que a situación socioeconómica e urbanística de Cangas cambiou radicalmente nos últimos 10 anos, que no concello falta solo residencial, cando na actualidade existen unhas 2.500 vivendas baleiras. Que na parroquia de Aldán, que nos últimos 40 anos perdeu 15 habitantes, existe unha carencia de solo público (polo que lles constrúen unhas 7.000 vivendas novas). En Massó queren garantir e protexer o dominio público do borde costeiro (por iso fan un porto deportivo con 600 m de espigón) e conservar os elementos naturais (convertendo a lagoa nun estanque).

Por todo o exposto, esta creación desmesurada e repentina de vivenda non é produto dunha necesidade real polo crecemento racional da poboación, se non froito dunha operación inmobiliaria baseada na especulación.

Cando se desenvolva todo plan, nun prazo duns 15 anos, ninguén recoñecerá ó noso pobo, xa que desaparecerán a práctica totalidade das fincas de cultivo (máis de 5 millóns e medio de m2), pasando os vales de Coiro, Aldán e Darbo a ser urbanizacións de chalés adosados.

Tamén desaparecerán miles de m2 de zonas forestais, ademais dos que xa arrasou a vía rápida. As zonas altas do Monte Varalonga e de Menduiña terán incluso máis volumen de edificación que as zónas próximas ós núcleos, creando barrios altos de "señoritos" como acontecían nos tempos feudais. Estas urbanizacións contarán con tódolos equipamentos vertendo as augas residuais hacia os barrios desfavorecidos, ós que expropiarán para instalar as redes de sumidoiros, depuradoras e viais de acceso ás praias.

Por Lei deben crearse zonas verdes para todo o municipio, e este plan ubica estas zonas verdes para pasear en zonas marxinais, intransitables, non edificables e protexidas por lei como a Serra da Madalena (con pendentes de >50% e que ademais debería ser monte comunal), a Lagoa de Vilariño (protexida por lei e que será expropiada), cauces de ríos e rede natura, así como equipamentos como a cidade deportiva que tamén se expropiará ós veciños.

Por lei, uns 300.000 m2 son Dominio Público e servidume de libre tránsito polos nosos ríos. No plan pasan a ser as zonas verdes a cambio de edificar as zonas de cultivos.

Os convenios, que o concello asinou con determinados promotores no pasado verán, iniciaron o que o plan xeral quere rematar.

O convenio Aldán pretende recalificar máis dun millón e medio de m2 de Solo non Urbanizable de Protección Forestal afectando a unha das zonas verdes máis importantes das Rías Baixas, protexida en parte pola proposta de Rede Natura, durante xeracións de uso público, e que por dereito debería pertencer ós veciños de Aldán na forma de montes veciñais. A propia Consellería de Política Territorial comunica ó concello que non se entende esta recalificación dos montes de Menduiña que non garante que se estrague a importancia paisaxística e ecolóxica do espazo da Rede Natura.

Doutra banda, o convenio de Massó pretende recalificar case 200.000 m2 de Solo Urbano non Consolidado, con calificación predominantemente industrial, que afecta a un conxunto histórico, artístico, cultural e medioambiental de importancia extraordinaria para a identidade do pobo de Cangas. Dominando o conxunto atópase a fábrica de conservas de Massó, edificio de Interese Cultural ó ser a maior fábrica de conservas de toda Europa. 4.000 m2 dos ocupados pola fábrica son DPMT, e dado que na actualidade non teñen ningún uso relacionado co mar poden legalmente ser reclamados polo concello para uso público.

O porto deportivo de Massó estragará unha importante zona pesqueira en contra dos intereses dun importante sector económico da vila, o mariñeiro, que nos da gran parte da idiosincrasia do que somos. Tamén está previsto instalar outro porto deportivo en Aldán.

¿A quen prexudica este plan? Claramente ós veciños e veciñas das cinco parroquias do municipio, ós que se lles impide reservar as propiedades para que os fillos e netos podan construír a súa casa. As leiras que os nosos avós traballaron, e nas que deixaron a vida malvivindo para deixarllas ós fillos, pasan agora a mans de AXENTES URBANIZADORES controlados polo concello. ¿onde está o dereito á propiedade privada?

¿Pode o consistorio facerse dono das nosas vontades e impoñernos o deixar de vivir nunha zona rural e meternos de cabeza nunha cidade sen unha consulta popular? ¿Por qué non se realiza un estudio económico que demostre os beneficios que os habitantes deste concello recibiremos de aprobarse un plan xeral destas características? Un estudio que demostre unha efectiva creación de postos de traballo, onde se analicen as ganancias das revalorizacións dos terreos que se recalifican pero tamén as perdas polas afeccións recibidas coa necesidade de encher as parroquias con viais máis anchos, así como os custos que soportaremos con novos impostos municipais para garantir o mantemento de tanta infraestructura.

Nada gañamos co novo Plan Xeral. O folleto que o Sr. Sotelo enviou ás nosas casas nos dá como logros infraestructuras que xa existen, outros que son montes veciñais e portos deportivos que se farán sobre o mar, polo que nada teñen que ver co plan.

Vendéusenos unha vía rápida que nos comunicaría co resto do mundo e que serviría para dar servizo ó parque empresarial da Portela, cando na realidade vai servir para especular urbanísticamente coa parroquia de Aldán. ¿que pasa co parque empresarial? ¿onde están os postos de traballo? ¿que traballo nos ofrecen ó convertir o noso concello nunha cidade turística? ¿que pretenden, traballo estacional mal pagado e emigración para a xuventude?

Se nos di que queren facer de Cangas unha cidade, pero isto será a costa de sacrificar o noso espazo vital, superpoñendo un entramado de cidade sobre o actual entramado de vila. A actual densidade de poboación de Cangas, con 642 habitantes/Km2 é similar á de Marín e Pontevedra capital. Nun futuro inmediato, se se aproba o novo plan xeral, haberá unhas 30.000 vivendas e seremos preto de 100.000 habitantes (entre residentes e propietarios de 2ª vivenda), creando un gran entramado urbano que unirá todo o territorio das parroquias de Coiro, Cangas, Darbo e Aldan e parte da do Hío. Unha poboación cuns 45.000 vehículos distribuídos polo 40 % do territorio, ós que habrá que engadir outros miles de visitantes e vehículos no verán.

Os escasos equipamentos existentes e os novos que se creen, pasarán a estar compartidos polos casi 100.000 habitantes.

¿Poderemos ir á praia? ¿onde aparcaremos?
Tendo en conta que moitos dos novos adosados terán cespede e piscina ¿quen nos garante o subministro de auga ós actuais habitantes deste concello?

¿quen garante que o noso comercio, as pequenas empresas, pequeños supermercados, etc. poderán competir coas grandes superficies que se van construir?

O encarecemento da vivenda producida pola priorización do sector turismo, e a falta de previsión de postos de traballo, conlevará a emigración da poboación xoven e sen recursos.

O municipio de Cangas pasará a contar con 4 portos deportivos co que isto conleva de contaminación, o que unido á contaminación polos vertidos de aguas residuais, suporá unha gran presión para o ecosistema das rías, xa que os días de chuvia as augas alivianse sen depurar.

Ninguén dubida da suba de impostos locais para manter as novas infraestructuras e o encarecemento do nivel de vida, incluido o peixe que teremos que comprar na praza.

O desenvolvemento dos plans urbanísticos fará necesaria a ocupación e expropiación de novos terrenos dos veciños, xa que serán precisos equipamentos non contemplados neste plan xeral como novos colexios, ambulatorios, novas conducións eléctricas, de auga potable, de alcantarillado, nova estación depuradora xunto á costa, etc.

O gasto público preciso para a creación destas novas infraestructuras é infinitamente maior cos supostos beneficios que ingresará o concello.

Por todo isto, solicitamos:

Que se elabore un novo plan xeral, de todos e para todos, que teña ó pobo como protagonista.

Que se realice un estudio de impacto ambiental que acredite que se respecta o medio rural e natural, e a identidade de todas as parroquias. Que respecte as cuestións ecolóxicas, con máis razón despois das desfeitas que a Vía Rápida veñen de producir sobre os vales de Coiro, Monte Liboreiro e montes de Aldán.

Queremos un plan xeral pensado para o noso pobo, elaborado por persoas dispostas a escoitar e recoller propostas de mellora. Un plan xeral que antes se ser exposto publicamente para parchealo conte co respaldo dos veciños do concello e sexa por último exposto para recoller medidas de mellora. Un plan xeral que na práctica mellore a calidade de vida, respecte o medio ambiente e racionalice infraestruturas. Un plan sen actuacións interesadas e irresponsables que contraríen á vontade dos veciños e veciñas de Cangas.

Queremos que se escoiten as nosas voces. Queremos andar polos nosos camiños, beber das nosas fontes, cultivar os nosos eidos, coidar do noso mar. En definitiva, queremos decidir o noso futuro.

Aquí estades todos vos demostrando que a vontade do pobo empeza a medrar. Non deixaremos que nos anulen como pobo, nin que reconvirtan os nosos espazos naturais, nin que nos convirtan nunha cidade con desigualdades sociais.

Veciñas e veciños de ALDÁN, HÍO, DARBO, COIRO E CANGAS

CANGAS NON SE VENDE.
POR UN NOVO PLAN XERAL.