CANGAS NON SE VENDE
FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
CHARLAS E ROTEIROS POLO MORRAZO
O Colectivo Ecoloxista Luita Verde e a Federación Ecoloxista Galega (FEG), organizan a partir do vindeiro venres 30 de outubro e ata o domingo 22 de novembro 4 charlas e 4 roteiros polo Morrazo,
actividades que contan coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
As charlas son:
Venres 30 de outubro ás 20:00 h. sobre os liques no salón de actos do Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela (Moaña), impartida pola bióloga María Sanchez-Biezma
Xoves 5 de novembro ás 20:00 h. sobre os anfibios do Morrazo no salón de actos do Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela (Moaña) impartida polo membro do Grupo Ecoloxista Luita Verde Cándido Martínez Rodríguez.
Venres 13 de novembro ás 19:00 h. sobre os árbores e bosques do Morrazo na sala multiusos do IES Rodeira (Cangas) impartida polo membro do Grupo Ecoloxista Luita Verde Juan Tomé Cruz.
Venres 20 de novembro ás 20:00 h. sobre a Rede Natura no Morrazo no salón de actos do Centro Social de Bueu impartida polo membro do Grupo Ecoloxista Luita Verde Francisco Xosé Bernardez Solla.
Os roteiros son:
Domingo 1 de novembro ás 11:00 h. os dunares de Nerga-Barra con saída e chegada no miradoiro de Donón (Cangas).
Domingo 8 de novembro ás 11:00 h. Salinas de Vilaboa dentro do LIC Enseada de San Simón con saída e chegada da caso do concello de Vilaboa.
Domingo 15 de novembro ás 11:00 h. Carballal de Coiro con saída e chegada en Ermelo (Bueu).
Domingo 22 de novembro ás 11:00 h. Cabo Udra con saída e chegada no aparcadoiro da entrada.
As charlas serán enfocadas á importancia florística, faunística, bosques, e regulamento dos espazos protexidos do Morrazo, e impartiranse acompañadas de audiovisuais.
Os roteiros serán guiados cunha duración de 3 horas e visitarase os espazos naturais do litoral máis importantes da comarca dentro dos LIC Costa da Vela, Cabo Udra e Enseada de San Simón, pertencentes á Rede Natura, máis o Carballal de Coiro, dentro de solo rústico de proteción de espazos naturais e que pasa por ser o bosque caducifolio de subclima atlántico máis sobranceiro da comarca e o segundo máis importante das Rías Baixas.
CHARLA AUDIOVISUAL ANFIBIOS DO MORRAZO
Xoves 5 de novembro ás 20:00 h.
Salón de actos do centro cultural Daniel Castelao de Quintela (Moaña)
Impartida por: Cándido Martínez Rodríguez (membro do G.E. Luita Verde)
Os anfibios son os animais que dentro da fauna vertebrada terrestre poden vivir tanto en terra como no medio acuático, dependendo das distintas fases do seu ciclo vital.
Os seus antepasados máis remotos remóntanse a hai 350 millóns de anos, no Devónico, pasando por ser dos primeiros que se adaptaron á vida no medio terrestre.
Tras varias fases de evolución prehistóricas do xénero, na actualidade en Galicia habitan unhas 14 especies de anfibios entre urodelos (píntegas e limpafontes) e anuros (ras e sapos).
No Morrazo habitan 12 desas especies: Píntega común, saramaganta, limpafontes común, limpafontes palmado, limpafontes verde, sapiño pinto, sapiño comadrón, sapo común, sapo corriqueiro, estroza, ra verde e ra patilonga.
Tres delas son endemismos ibéricos, o limpafontes común, a ra patilonga e especialmente a saramaganta (Chioglossa lusitanica), de marcado ámbito galego a nivel mundial.
Da píntega común (Salamandra salamandra) existe a subespecie gallaecica de ámbito centro-sur de Galicia; a estroza (Hyla arborea) é a única especie de hábitos aéreos nos humidais a das poucas do estilo a nivel mundial; e o sapiño comadrón (Alytes obstetricans) é das poucas especies da fauna en que o macho da especie cuida das súas crías, no primeiro estadío de ovo.
Na fase de larva respiran por branquias na auga e de adultos por pulmóns e especialmente pola pel, xa con hábitos máis ou menos terrestres dependendo de cada especie.
Son insectívoros, de gran importancia na rede trófica, e tamén para a agricultura, pois contribúen a estabilizar o número de insectos que poden ser plagas para os cultivos.
Tamén son excelentes bioindicadores da calidade das augas como habitantes habituais de zonas encharcadas, lagoas, presas, fontes, humidais e áreas de ribeira dos ríos e regatos.
Durante séculos foron (e aínda o son nalgunhas zonas rurais) perseguidos píntegas e sapos pola superstición popular, con falsos testimonios de que producen “airadas” dañinas para o ser humano, feito comprobado que non é tal, agás a presenza autoprotectora na pel de substancias que son irritantes só en contacto accidental coas nosas mucosas ou unha ferida aberta.
A charla será acompañada dun audiovisual onde se abordará a identificación das distintas especies, a súa bioloxía, os hábitats, depredadores, e os impactos.
ROTEIRO POLAS SALINAS DE VILABOA
Domingo 8 de novembro
Ás 11:00 h. diante da casa do concello de Vilaboa
Duración 3 horas con chegada no mesmo lugar da saída
As antigas salinas (ou saíñas) de Vilaboa, tamén coñecidas como de Ulló, abranguen unha superficie de 30 Has., que na actualidade a conforman un basto bosque de ribeira onde prdomina o ameneiral mesturado con carballeira atlántica; unha longa e extensa franxa de pastizal húmido de auga doce a carrizal e espadaña; e unha franxa posterior de vexetación halófila con solo pantanoso, asulagado con auga salobre proveñente da marisma nas preamares.
Están integradas no seu Noroeste e ó fondo da ría de Vigo dentro do LIC Enseada de San Simón. Diante están as Illas Alvedosas e máis adentro da enseada a Illa de San Simón, de gran importancia natural e paisaxística. Despois de visitar e interpretar o humidal, e pasando así mesmo polas ruínas das antigas saíñas, o muíño de mareas e a antiga casona d@s propietari@s, achegarase ata a Pedra dos Caralletes e a enseada de Larache, onde con prismáticos e telescopios botarase unha observación da enseada, onde cada outono-inverno achéganse arredor de 3500 aves invernantes, entre ánades, garzas, corvos mariños, mazaricos, biluricos, pilros, píldoras, …
CHARLA AUDIOVISUAL A REDE NATURA NO MORRAZO
Venres 20 de novembro ás 20:00 h. no salón de actos do Centro Social de Bueu
Impartida polo membro do Colectivo Ecoloxista Luita Verde Francisco Xosé Bernárdez Solla
En Galicia hai máis de 50 espazos naturais que están integrados como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da Rede Natura 2000, unha rede de espazos a nivel europeo que se rixe pola Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, tamén coñecida como “Directiva Hábitats”, e pola Directiva Aves (79/409 CEE).
No Morrazo existen tres LIC, Costa da Vela, Cabo Udra e Enseada de San Simón, que ó igual que o resto dos espazos galegos e dentro da denominada rexión bioxeográfica atlántica, foron aprobados o 7 de decembro de 2004 por decisión da Comisión Europea.
Despóis desta aprobación hai 6 anos para regulalos a traveso da súa ordenación, zonificación e usos e pasar a ser Zona de Especial Conservación (ZEC). Na actualidade ningún dos tres espazos do Morrazo, como a maioría dos galegos, está debidamente regulado e isto está provocar dificultades de aplicación real da proteción e conservación.
Galicia, con menos do 13% do seu territorio dentro da Rede Natura, é deficitaria en espazos protexidos e a lista necesita ser ampliada, feito que contempla e esixe a propia UE.
Ademáis de ser un instrumento para a conservación do medio natural, a Rede Natura 2000 pode aportar vantaxes económicas e sociais significativas, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatíbeis coa conservación da natureza, contribúen á mellora da calidade de vida e do benestar social.
A charla será acompañada dun powerpoint onde se informará por miudo que é a Rede Natura, os espazos naturais que a compoñen, o seu regulamento, como debería estar implantada e como está na actualidade.
ROTEIRO DE CABO UDRA
Domingo 22 de novembro con saída ás 11:00 h. do aparcamento de Cabo Udra (Bueu)
Duración 3 horas con chegada no mesmo lugar da saída
Cabo Udra é un espazo natural litoral incluído como LIC dentro da Rede Natura 2000, que abrangue 623,26 has., 8 kilómetros de costa de areeiros, chairas, pequenos promontorios e cantís entre a praia de Mourisca (Bueu) e a de Menduíña (Cangas), e das que 443 has. son de augas mariñas.
En terra ten unha grande importancia a nivel xeolóxico e paisaxístico, coa formación dos denominados “bolos graníticos”. Tamén polos pasteiros e a matogueira, con asociacións de vexetación das costas atlánticas mesturada coa oromediterránea, moitas delas de interese comunitario e algúns endemismos da costa galaico-portuguesa. Pola fauna, tanto vertebrada como invertebrada, que habita principalmente nas matogueiras e en espazos abertos. Nos rochedais máis á beira do mar medran varias especies de liques costeiros.
Tamén ten importancia a nivel mariño, por ser lugar de paso migratorio e de invernada de aves e por ser hábitat de cetáceos mariños, con especies ameazadas e tamén de interese comunitario.
En fronte están as Illas Ons, integradas dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas e polo extremo Sur albíscase a Costa da Vela, outro dos LIC do Morrazo, trala ría de Aldán.