|
Compañeiras e compañeiros:
A
Ría de Vigo está a soportar permanentes agresións
ó seu equilibrio ecolóxico, e son moitos os
proxectos que a ameazan. Proxectos tan tolos como a ampliación
do recheo de Bouzas , a do porto de cruceiros de Vigo, un
oleoducto no estreito de Rande, ou o porto deportivo, con
urbanización adosada, que querían facer neste mesmo
lugar.
En cambio, as instalacións máis
elementais e necesarias permanecen no abandono: ningunha das
depuradoras de augas residuais das vilas que acabamos de
percorrer, funciona con normalidade: nin en Cangas, nin en Moaña,
Vilaboa, Arcade, Redondela, Teis ou Nigrán. Por non falar
da de Vigo. Moitas industrias, carentes dun sistema de tratamento
de residuos propio, verten directamente nestas augas toneladas de
contaminantes.
Por outra banda os continuos recheos e os
novos portos deportivos, cos seus espigóns de protección,
mudan as correntes, danando ou destruíndo hábitats
mariños e entorpecendo a renovación das augas da
Ría, que é a súa forma de depuración
natural.
Todo este conxunto de despropósitos
está a poñer en grave risco ós recursos
pesqueiros e marisqueiros deste Mar de Vigo, dos que viven 15.000
familias, e que sempre foron, e deben seguir sendo, unha das nosas
maiores riquezas. Non é ciencia ficción nin
alarmismo dicir que, máis pronto que tarde, os niveis de
contaminación poden chegar a superar en moitos lugares o
permitido para a comercialización en fresco dos
productos.
Hai que lembrar que o Tribunal de Xustiza da
Unión Europea, impuxo unha multa de 20 millóns de
euros á Xunta de Galicia a finais do 2005, pola mala
calidade das augas da Ría de Vigo. Esta multa ven darnos a
razón ós colectivos cidadáns, que levamos
moitos anos denunciando ante as nosas autoridades públicas,
a súa política de consentimento a todo o que
empresas poderosas solicitan * * * A Ría foi sempre,
para os que vivimos nela, un ser con vida propia, protagonista de
moitas facetas das nosas propias vidas. Tamén é unha
paisaxe, a paisaxe da infancia, o primeiro universo por nós
coñecido, gravada no máis fondo de nós e
convertida en paisaxe interior de cada un e cada unha.
Pero
para outros é só un escenario de negocios, un teatro
para a especulación. Velaí páxinas enteiras
de propaganda, pagadas cos nosos cartos, campañas
electorais de candidatos e candidatas corruptas.
O
desmesurado crecemento das instalacións portuarias (que en
moitos casos disfrazan operacións claramente especulativas
alleas ás necesidades do porto como tal) non parece ter
fin.
Toda a costa está sementada de industrias
e almacéns en primeira liña do mar (cando non sobre
un recheo) cuxa actividade non xustifica esa ubicación.
Estas empresas deberían trasladarse a un polígono
industrial, evitando a contaminación e deixando espacio
libre para as actividades estrictamente portuarias nuns casos, e
para o disfrute e lecer da cidadanía noutros.
Lonxe
disto, moitas empresas privadas, coa complicidade da Autoridade
Portuaria, ven nestas augas solo barato para ampliar as súas
instalacións mediante novos aterramentos.
Só
hai que recordar que miles de metros cadrados do monstruoso recheo
de Bouzas, que queren ampliar, están ocupados por
actividades tan alleas ó porto como as oficinas da Zona
Franca de Vigo, ou o depósito de coches de Citroën.
Para
completar o triste cadro non podemos esquecer o desorde
urbanístico, froito da cultura do ladrillo que nos asola.
Se hai uns anos tivemos que enfrontarnos a unha terrible marea
negra, hoxe temos diante unha abominable marea gris, de cemento e
de especulación, que, desde Monteferro ata o Salgueirón,
nos infecta a todos.
Pero tamén temos hoxe, a
pesar de todo, motivos para a esperanza. Celebramos, con certo
retraso, un ano de resistencia dos compañeiros e
compañeiras de Cangas, que están evitando coa súa
presencia aquí día tras día, a desfeita que
outros proxectaron para este Salgueirón que xa ocupa un
lugar senlleiro na historia dos que defenden á
terra.
Recibide pois a nosa homenaxe, a nosa admiración
e solidariedade. Gracias a vos, aínda hai vida nas augas do
Salgueirón. E dentro de non moito tempo, estamos
seguros, volveremos aquí nun día radiante, para
celebrar con vós a vosa victoria, para seguir xuntos
dicindo: Cangas non se vende, O Salgueirón segue vivo, non
pasarán.
Por eso, desde este lugar
emblemático, queremos lanzar un fío de esperanza e
resistencia a todos os reductos do litoral galego ameazado, para
xuntos e firmes defender o noso patrimonio irrenunciable: a
paisaxe, a vida e a identidade do noso pais, do noso
planeta.
Cangas, 2 de Decembro de 2006
|
foto de Cecilia Martínez
|