FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
O Foro Social de Cangas
entende que xa se rematou o replanteo acordado por Marina Atlántica
co concello na xuntanza do día 18, polo que os operarios de
Puentes y Calzadas deben retirarse da zona ata que se aprobe un
planeamento urbanístico para o Salgueirón. Este
planeamento deberá contar co respaldo social do pobo de
Cangas. Na primeira xuntanza do Consello Sectorial de Urbanismo
pediuse aos colectivos que presentaran suxerencias antes do 15 de
decembro coa promesa de que Consultora Galega realizaría un
preavance que se voltaría a someter ao Consello. Creemos que o
futuro de Cangas tense que discutir de xeito transparente e aberto e
a redacción do avance é o momento idóneo para
iso.
Mentres non se decide unha ordenación concreta
para o Salgueirón, o Concello, dentro das súas
competencias, non debe permitir a execución de obras que
pretendan presentar feitos consumados. Neste senso, dentro da
competencia municipal sobre dominio público que detalla o
artigo 196.1 da LOUGA, o concello de Cangas non debería
conceder as licencias solicitadas pola sociedade Marina Atlántica
ao fin de impedir a consolidación sobre o terreo dunhas obras
de evidente ilegalidade ás que acordou opoñerse no
acordo de goberno do 15 de xuño pasado.
Non debe
esquecerse que as obras deste porto pretenden partir dun solo
cualificado actualmente como rústico de protección de
espazos naturais, non hai un Plan de Usos Portuarios aprobado nin un
Plan Especial acordado entre o porto de Vigo e o Concello de Cangas,
e existe unha finca de dominio público inscrita no Rexistro da
Propiedade como se fora unha propiedade particular, por citar só
algunhas das ilegalidades máis evidentes.
A data
de hoxe o Foro Social xa ten recollidas unhas 2.200 sinaturas de
cangueses/as que esixen que o porto deportivo non se constrúa
e que os terreos do Salgueirón se afecten como zonas verdes
para uso público.
25 abril
2008
www.cangasnonsevende.org