|
A RÍA NON SE VENDE Ten quen
a defende
ACTO REIVINDICATIVO CONTRA AS
AGRESIÓNS NO LITORAL Venres 5 de Xaneiro ás
17:00 Na Praza da Estación do Tren de Vigo
A día
de hoxe, a saúde da Ría de Vigo está sendo
gravemente agredida e ameazada: verquidos contaminantes,
depuradoras deficitarias, recheos e dragados, planos de
urbanización insostíbeis, portos deportivos sen
control... que danan letalmente as praias e outros ecosistemas da
Ría poñendo en grave perigo os seus recursos, a
pesca e o marisqueo.
A RÍA NON SE VENDE
15 PONTOS NEGROS NA RÍA DE
VIGO (Desgrazadamente hai muitos máis)
1- Monteferro: o último
espazo natural costeiro da banda sur da Ría de Vigo, xa moi
deteriorado, vese ameazado desde o 2005 por un delirante proxecto
de vial (auspiciado pola Alcaldía e Deputación coa
conivencia da Comunidade de Montes) que circunvalaría todo
o contorno, urbanizándoo con toda sorte de aparcadoiros,
beirarrúas, muros de contención, miradoiros, etc. En
maio, presentáronse no concello 9.575 sinaturas contra esta
actuación.
2- Canido: proxecto que pretende
construír un inmenso porto deportivo que conlevaría
un aterramento duns 30.000 m2.
3- Coruxo: depuradora do Lagares
que constitúe un importante foco de contaminación no
espazo natural da xunqueira e de toda a Ría. Estimase que
depura só un 50% do que debería. Non depura os
aceites, nen hai separación das augas industriais. O seu
cheiro leva 10 anos perxudicando á veciñanza. Proxecto
da macrodepuradora para todo Vigo. Os seus efectos poden ser muito
mais graves. A alternativa sería unha rede de pequenas
depuradoras en todos os barrios.
4- Bouzas: proxecto de ampliación
do macro-recheo en 80.500 m2. o que estrangularía a Ría
e repercutiría na dinámica de correntes diminuíndo
o fluxo de entrada das augas do océano que aportan
nutrientes e limpan a Ría e reducindo o fluxo de saída
das augas interiores que levan consigo contaminantes e augas doces
dos ríos. Isto afectaría aos areeiros e a toda
ecoloxía da Ría, sobre todo repercutirá na
enseada San Simón, con menor renovación das
augas. Proxecto dunha praia artificial que pecharía a
enseada artificial de Bouzas
5- Vigo: ampliación do
peirao de cruceiros, sería un enorme alongamento, que
xustifican co tráfego de cruceiros, mais que só é
unha escusa para executar unha grande operación
especulativa no que o proxecto estrela é a construción
dun enorme aparcadoiro de barcos, chamado porto
deportivo. Urbanización da Laxe. A construción
dun hotel e un aparcadoiro de carros no peirao ratifica a
privatización de facto do litoral nas zonas supostamente
cedidas aos cidadáns. Isto en vez de abrir Vigo ao mar é
poñer novas barreiras.
6- Teis: a paisaxe de grande
beleza do mar abrazando ao Monte de A Guía vese ameazada na
actualidade pola afectación portuaria dalgunhas das súas
praias. A privatización da costa da ETEA. A construción
dun porto deportivo ilegal (Punta Lagoa) con un espigón de
235 m. e un recheo de mais de 27.000 m2, supuxo a destrución
dun banco de navalla e longueirón. Tamén hai
edificacións ilegais de naves industriais e outras
instalacións, Tránsito rodado ilegal polo cortalumes
do Monte de A Guía, e deficiencias na depuradora.
7- Chapela: aterramentos e
verquidos de Frioya, Pescanova e Aucosa.
8- Rande: recheos de Tranvías,
Vieirasa, Ferymag e oleoduto de biodiesel que proxectan facer
desde Salvaterra. Enseada San Simón: espazo protexido a
nivel europeo, corre graves riscos que ameazan o equilibrio do que
fora unha rica zona de recursos e biodiversidade.
9- Redondela: depuradora
deficitaria e proxecto da autovía que atravesa a vila.
10- Arcade: depuradora deficitaria
e verquidos de Pontesa.
11- Vilaboa: Connorsa e depuradora
deficitaria.
12 Domaio: ampliacións da
zona portuaria deportiva e do parque acuícola de Loitamar
ameazan con saturar e alterar mais o espazo e a dinámica
mariña na zona ao que se suma a presenza das naves de
conxelados de Fandicosta e o varadoiro de reparación de
barcos no extremo de Rande ocupando territorio e contaminando con
verquidos e acusticamente este espazo natural.
13- Moaña: depuradora
municipal é deficitaria. Existen verquidos puntuais ao
longo da costa moañesa e un colector submarino pola enseada
de Meira que afecta á marisma e aos seus recursos
marisqueiros. Proxectos de urbanizacións nas fincas do
Real e Concepción Arenal con torres de edificios incluídas,
e o recen construído porto deportivo ameazan as únicas
áreas verdes e patrimoniais de valor do litoral urbano. No
Monte de Ramil en Tirán especúlase con outra
urbanización dentro dun area natural salvaxe. Estas
urbanizacións están incluídas nun PXOM que
prevé duplicar a edificabilidade do concello o que
impactará negativamente no territorio e na xa agredida
franxa costeira.
14- Cangas: lévase muitos
anos preparando unha especulación sistemática e
masiva, 5.000.000 m2 usurpados á veciñanza en Aldán
e 200.000 m2 da antiga factoría de Massó son os
"pelotazos" mais salientábeis, pero a "venda"
de Cangas é aínda mais ambiciosa e pretende comezar
co proxecto do porto deportivo no Salgueirón e a
urbanización de luxo aparellada e asinada por Norman
Foster. Este ataque é un paso mais no desmantelamento da
pesca de baixura e o marisqueo coa oferta dun utópico
desenvolvemento turístico que non é mais que
especulación encuberta. A pesares das ilegalidades
manifestas do proxecto, as administracións póñense
do lado dos poderes económicos e só a resistencia
veciñal impide a consumación dos feitos.
15- Cíes: proxéctase
duplicar o tamaño do Porto de Rodas para fomentar o
turismo masivo no maltratado "Parque Nacional"
A.C.
A Revolta, A.C. Caleidoskopio, Bouzas-móvete, Foro Social
de Cangas, GAS, Luita Verde, OAR Redondela, Salvemos Monteferro,
Verdegaia
|