FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
O Foro Social opina que a
empresa Puentes y Calzadas vai de farol e de perdoavidas. Agora
resulta que recoñecen que non tiñan proxecto nin
permisos para facer a versión "recortada" do porto,
que, por certo, pasaba de 420 a 450 amarres e implicaba un brutal
dragado e voadura do substrato rochoso, e aínda ameaza con que
senón voltan ao proxecto "orixinal", que segue a ser
incompatible co actual uso en terra e, polo tanto, igualmente
ilegal.
Está claro que a súa ofensiva mediática
con páxinas enteiras de publicidade responde ao feito de que o
seu proxecto non ten O MÁIS MÍNIMO suporte legal e
pretenden utilizar a forza das máquinas e a ameaza á
paz social como palanca para conseguir a recualificación
especulativa dos terreos en terra.
Remarcar que o prazo que agora
termina é o de FINALIZACIÓN da obra, o cal,
evidentemente é imposible, aparecendo a apresurada petición
de prorroga como unha maneira máis de chantaxe.
A
tramitación administrativa da concesión para o porto
non se fixo segundo marca a lexislación, polo que a empresa só
ten unha única saída que é reclamar á
Autoridade Portuaria de Vigo a indemnización que lle
corresponda por terlle outorgado unha concesión NON válida.
O
pobo de Cangas merece ese espazo natural e zona verde para uso
público e TODOS os grupos con representación municipal,
e en especial ós que teñen responsabilidade de goberno,
deben implicarse en favor do ben público para que esta obra
non se chegue a iniciar.
Hai insinuacións de que
importantes políticos a nivel galego teñen intereses
nesta recualificación e reclamamos do grupo local de goberno
que atenda en primeiro lugar aos seus votantes directos e ao
cumprimento dos seus programas e acordos de goberno, defendendo os
intereses de Cangas.
O Foro Social reclama que sexa a
poboación, a traveso da participación cidadán na
elaboración do PXOM que agora comeza, a que decida a
utilización do Salgueirón dentro dunha visión
GLOBAL do concello e das súas necesidades. Ten que ser
valorada publicamente a necesidade destes terreos para paliar o
enorme déficit do concello en zonas verdes e pensamos se teñen
que reclamar das administracións autonómica e estatal
inversións no concello, entre as que debería estar a
recuperación do patrimonio no
Salgueirón.
www.cangasnonsevende.org
